miércoles, 26 de septiembre de 2012

26S

Onte Madrid foi a capital de España, como leva acontecendo xuridicamente dende 1931 A instauración das Cortes, as que onte foron protagonistas de excepción, déronlle a Madrid un lugar relevante alá polo 1561. É un punto do mapa onde se concentran poderes políticos e económicos e onte tamén os poderes sociais.  
A policía nacional tivo o papel que lle corresponde neste tipo de manifestacións que soen comezar pacificamente e rematan como rematan, con nocturnidade e aleivosía e por esgotamento de ambos bandos. Como grupo podemos criticar e reprochar as cargas policiais pero e que nos guste ou non eles, en moitos casos meros peóns, estaban a cumprir co seu traballo, aquilo que xuraron ao entrar no corpo e aquilo que se non cumpren será motivo de infracción e sanción disciplinaria. 
No tocante aos manifestantes, o que en principio semellaba, e como tal aparecía nas fotografías espalladas pola rede, unha mobilización multitudinaria e pacífica converteuse co paso do tempo un lugar onde medir forzas e tensión e claro, a moitos manifestantes esquécelles no fragor das proclamas que eles levan uniforme para a ocasión, porras e outros artiluxios. 
A clase política, no seu mundo de coches con chofer e aparcamentos en dobre fila apenas ouviu o fixo oídos xordos ao que estaba a pasar fora. De feito, os poucos que reaccionaron ante a multitude fora mellor que non o fixeran porque para comparar unha mobilización cidadá cun golpe de estado militar é mellor estar calados. Tal erro de política comparativa debería ser imperdoable, motivo de sanción incluso para alguén que descoñece o campo no que traballa. A cuestión da asistencia ao pleno, difícil de probar, foime mais difícil de atopar pero polo seguinte enlace. 
http://www.congreso.es/public_oficiales/L10/CONG/DS/PL/DSCD-10-PL-61.PDF que recolle o Diario de Sesiones del Congreso de los Diputados dedúcese das votacións que a asistencia andivo polos 313 ou 314 dos 350 que suponse que deberían estar.
No pleno pasou mais ou menos o de sempre. Políticos falando na súa propia linguaxe acerca dun mundo onde, admitámolo non somos persoas no sentido romántico ou biolóxico que tanto nos gusta. Somos elementos do sistema, votantes, parados, estudantes e un longo etcétera de terminoloxía na que nos podemos recoñecer ou non.
No relativo aos motivos e os convocantes da manifestación
Esta é a nova mais completa que puiden atopar acerca de quenes forman parte da PLATAFORMA EN PIE https://plataformaenpie.wordpress.com/ en cuxa páxina non aparece ningún tipo de información acerca de quen promove, redacta e idea as iniciativas.
A outra convocante a Coordinadora do 25S https://coordinadora25s.wordpress.com/ , que si aporta mais información acerca dos integrantes pero que finalmente acaban levando a artigos, nalgúns casos firmados por pseudónimos.
Entre as asembleas, asociación, plataformas ou embrións de partidos políticos urxidos dende o 15M a plataforma Democracia Real Xa non secundou a mobilización como deixa claro na páxina web. 
As primeiras fontes desta noticia foron a aula virtual da USC e a partir de aí fixen a miña pescuda particular de todo o ocorrido nun deambular pola rede dende imaxes de cargas policiais a artigos de prensa e opinión, declaracións de políticos, manifestantes e un longo etcétera co cal a miña información podo dicir que non lle falta nada. 
No relativo as dúas últimas cuestións, as lecturas posteriores e outras preguntas que habería que facerse considero necesario deixar repousar a información pero gustaríame rematar cunha idea dun vello profesor de filosofía, algo tolo pero bastante honesto que dicía que España nunca loitara por unha verdadeira democracia porque nunca se lle cortara a cabeza a ningún rei como si fixeron en Francia ou Inglaterra. Aínda que sexa só simbolicamente a monarquía española hai tempo que está sen cabeza no sentido metafórico de que a cabeza é onde está o raciocinio. A clase política da para outra entrada abondosa. 

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario